O Partido Popular convocará nos próximos días o congreso local de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
O presidente provincial do Partido Popular, Rafael Louzán, anunciou que no próximo comité executivo que se celebrará antes do 15 de outubro elaborará un calendario para os municipios onde se van celebrar os congresos locais do partido, entre eles o de Pontevedra.
"Xa era algo que estaba en previsión, algúns tivemos que aplazalos por diversos motivos", explicou Louzán "no caso de Pontevedra será un dous primeiros congresos en poñer en marcha".
O PP pretende resolver "antes da primavera" esta cuestión que Louzán cualifica como "fundamental", xa que "os partidos como calquer outra cousa teñen que estar ao día, actualizados, tanto nas súas persoas coma nas súas ideas, e iso é o que queremos facer na provincia de Pontevedra", dixo.
O mandatario popular pretende resolver esta "cuestión de partido" sen présas "como non hai nada que incordie buscarase a data máis axeitada para todos".
No caso do congreso pontevedrés, polo momento, o único aspirante "oficial" a asumir a presidencia local do PP é Jacobo Moreira, voceiro municipal que conta co apoio expreso do secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, para converterse na cabeza de cartel do partido nas eleccións municipais de 2015.
O congreso local, que servirá para substituír ao actual presidente Telmo Martín, foi atrasado en varias ocasións debido á celebración do congreso galego, á crise interna trala demisión de tres concelleiros e para evitar as protestas dos afectados polas participacións preferentes.
O presidente do PP de Pontevedra fixo este anuncio antes de presidir a reunión da xunta directiva provincial, á que asistiu o secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, e os conselleiros de Facenda, Elena Muñoz e Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández.