Os nenos de Poio fan xardíns colgantes con material de refugallo para celebrar o Día da Terra
Por Redacción
A concelleira de Cultura e Educación, Raquel Rodríguez, visitou este mércores as instalacións da Galiña Azul, un dos centros educativos que participan no obradoiro artístico Xardíns Colgantes, impulsado desde o departamento dirixido pola edil do BNG.
Tal e como lembrou a propia Rodríguez Alonso, esta iniciativa, de carácter medioambiental e que fai fincapé na importancia da reciclaxe, ofrécese ao alumnado de Poio de Educación Infantil e Primaria con motivo do Día da Terra, que se celebra este xoves, 22 de abril.
Deste xeito, a través desta actividade, as crianzas levan xa varias semanas traballando no deseño de xardíns colgantes, cuxos elementos penden coma lámpadas das cubertas ou se emprazan en paredes.
Raquel Rodríguez explica que utilizan material de refugallo para representar facianas en botellas de plástico, figuras oníricas e de paxaros, follas de árbores ou pompas ou realizando ‘kokedamas’, un deseño de orixe xaponés no que se colocan plantas no interior de bolas orgánicos de musgo.
"Este obradoiro supón unha ferramenta máis para axudar ás nosas crianzas a que cobren conciencia da importancia que ten respectar o medio ambiente, así como a coñecer o medio natural e a ter presente que prácticas como a reciclaxe axudan a garantir un futuro sostible para o noso planeta", sinalou a concelleira, que louvou o labor realizado polos nenos da Galiña Azul durante a súa visita, cun xardín colgante que se atopa no patio exterior das dependencias situadas na parroquia de San Salvador.
A titular de Cultura e Educación estendeu o seu agradecemento á implicación amosada tamén polos centros educativos participantes e polas familias.
Ademais, Raquel Rodríguez que todos os xardíns deseñados polo alumnado de Poio "serán postos en valor do xeito que merecen". Para iso, está previsto que se organice unha exposición con estas obras, que se habilitará nos vindeiros meses no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó.
A edil nacionalista sinalou, asemade, que este obradoiro artístico forma parte da programación de Verbas en Flor, impulsada pola Concellería de Cultura e que será presentada nos vindeiros días.
Relacionadas:
-
O Xaime Illa acolle os xardíns colgantes deseñados polos centros educativos de Poio
Por Oskar Viéitez |
-
Instrumentos galegos percorrerán os colexios de Poio para poñer en valor a música tradicional
Por Redacción |
-
Poio informa aos colectivos locais da programación alternativa aos Maios
Por Redacción |
-
A biblioteca de Poio celebra o Día do Libro arredor do Camiño de Santiago
Por Redacción |
-
Ábrese o prazo para participar no Certame Literario Xaime Illa Couto
Por Redacción |
-
Poio prepara a programación do Día das Letras Galegas
Por Redacción |