Hugo Morán recolle as suxestións de Lores respecto da mobilidade nas zonas de baixas emisións
Por Redacción
O alcalde de Pontevedra e en representación das Cidades que Camiñan, Miguel Anxo Fernández Lores, trasladoulle este xoves ao secretario de Estado de Medio Ambiente unha serie de achegas a respecto da redución da mobilidade de vehículos nas futuras zonas de baixas emisións, en relación á Ley de Cambio Climático y Transición Energética.
Na xuntanza tamén participaron a secretaria técnica das Cidades que Camiñan, Ana Montalbán, o director xeral de Urbanismo do Concello de Pontevedra, Xosé Manuel Tato, e a directora xeral de Cambio Climático, Valvanera María Ulargui Aparicio.
Segundo a información oficial que trasladan dende o Concello de Pontevedra, o obxectivo da xuntanza, que tivo lugar no Ministerio para la Transición Ecológico y el Cambio Climático, era intercambiar puntos de vista ao respecto dos criterios para establacer as futuras zonas de baixas emisións, de xeito que non se refiran só a cuestións relacionadas co tipo de vehículos que poderán acceder a esta zonas senón que atendan a cuestións estruturais, como a redución dos vehículos e nomeadamente a redución dos tráficos innecesarios.
Ao remate da reunión, Miguel Anxo Fernández Lores valorou o encontro como moi positivo e salientou a actitude receptiva por parte do secretario de Estado, que recolleu as achegas das Cidades de Camiñan de cara a introducilas na futura Ley de Movilidad, que desenvolverá a Ley Cambio Climático.
Estas mesmas fontes informan que Hugo Morán explicou que a Ley de Cambio Climático está xa nunha fase de votación no Senado (no día de hoxe), pero que no desenvolvemento desta norma se poderán introducir criterios máis amplos e abertos a outras fórmulas que garantan a redución efectiva da pegada de carbono.
Neste sentido, coincidiron en que "non é realista que só se permita a entrada de vehículos con etiqueta eco e eléctricos poñendo como horizonte o 2023 posto que é preciso dar unha transitoriedade para non romper a equidade dos usuarios e permitir a renovación do parque móbil, polo que será conveniente contemplar unha certa flexibilización e abranguer outras medidas que cumplan os mesmos obxectivos".
Neste contexto, Hugo Morán asegurou que o espírito da Ley de Cambio Climático é perfectamente compatible coas achegas que esta mañá lle trasladou Miguel Anxo Fernández Lores en nome das 60 cidades asociadas nas Cidades que Camiñan, entre as que se contan urbes como Bilbao, Valladolid, Valencia, Sevilla e Zaragoza.
Relacionadas:
-
Xornada inaugural da Facultade Ágora, unha iniciativa para promover a transformación dos espazos públicos
Por Redacción |
-
Valencia premia a Pontevedra pola súa "exemplar" transformación urbana
Por Alejandro Espiño |
-
Lores, desde Cádiz: "As cidades aínda son almacéns de coches, espazos agresivos, perigosos, que expulsan ás persoas"
Por Redacción |