A piscina municipal e o ximnasio de Sanxenxo reabrirán en maio de forma graduada
Por Redacción
A piscina municipal e o ximnasio volverán abrir as súas portas para partir do próximo luns, pero farano de forma graduada para garantir o cumprimento do protocolo anticovid e tras unha profunda mellora das instalacións que conlevou a renovación da maquinaria do ximnasio, o cambio da climatizadora e un novo programa informático para o control de acceso.
Sanxenxo atópase nestes momentos nun nivel de restrición medio polo que o aforo permitido en espazos deportivos cubertos é do 30%.
Tendo en conta esta situación, o Concello de Sanxenxo expón tres fases para a recuperación da actividade deportiva nas instalacións con importantes descontos.
Na Fase 1, do 3 ao 9 de maio, o persoal poñerase en contacto telefónico con cada un dos socios que estaban en activo no momento do peche para confirmar a súa continuidade. Os socios que decidan retomar a actividade no mes de maio terán unha cota gratuíta ata o 30 de xuño e os que pospoñan a súa volta dispoñerán dun mes gratis durante 2021.
Na Fase 2, do 10 ao 16 de maio, será a apertura só da recepción para formalizar a continuidade dos socios e atender de forma presencial ao resto de usuarios interesados. As persoas que teñan sesións de bonos activos pendentes de 10 ou 15 sesións conservaráselles a caducidade de antes do peche e aos cursillistas en activo en marzo do ano pasado reservaráselles a praza para a próxima tempada co primeiro mes gratis.
Nesta fase realizaranse todos os trámites antes da continuación da actividade presencial: Actualización dos datos persoais do novo programa informático, imprescindible para poder realizar unha reserva de uso e cumprir coas limitacións de uso actuais; recoller o novo dispositivo que lles dará acceso á instalación; informar acerca das novas normas de uso; realizar unha visita para ver as melloras que se efectuaron e resolver as dúbidas que lle poidan xurdir a calquera usuario.
Na Fase 3, a partir do 18 de maio abrirase a instalación ao público para o seu uso tendo en conta que os cursos de natación non comezarán ata o mes de xullo.
IMPORTANTES MELLORAS
As instalacións reabrirán as súas portas coa renovación da maquinaria do ximnasio que permitiu habilitar dúas zonas novas, unha funcional e outra de abdominais e estiramentos. Nos vestiarios, colocáronse novos despachos de billetes e instaláronse biombos nas duchas.
Na piscina renovouse o sistema de impulsión de aire e colocáronse dúas novas duchas na piscina pequena. En todos os espazos realizouse un pintado xeral, un rejuntado de plaquetas e un cambio no sistema da iluminación a luces tipo LED, así como a limpeza de todos os condutos de ventilación e renovación de imaxe nas diferentes zonas.