As obras de Pontevedra chegan tarde a Google Maps
Por Manu Otero
Pontevedra avanza a maior ritmo que as actualizacións de Google. A plataforma de mapas do xigante da internet aínda non mostra as últimas obras, acabadas ou a piques de inaugurarse, que a cidadanía xa poden contemplar cun paseo pola Boa Vila.
E agora que o Concello abriu ao público Catafís, a súa propia base de datos na que están dispoñibles desde mapas en 3D a datos demográficos ou do catastro, a ferramenta da firma de Mountain View queda aínda máis atrás.
Aínda non se inaugurou, pero a obra leva meses rematada. Aínda así, os satélites de Google non deberon de enfocar cara á Ría de Pontevedra nos últimos tempos porque, nin desde o alto nin coa utilidade de Street View, o novo tramo de paseo marítimo a Os Praceres non aparece por ningún sitio. Do mesmo xeito que ocorre cos traballos que se están realizando na EDAR de Lourizán ou o lavado de cara de Ence, que segundo Maps segue aínda en obras.
As estradas e rúas cambiaron moito en Pontevedra no último ano, pero eses cambios aínda non poden verse desde un computador. É o caso da nova vía que une a antiga parcela de Tafisa co barrio de Monte Porreiro. O vial está rematado, pero o seu trazado segue desaparecido en Maps, que tampouco recolle as obras, xa na súa recta final, do novo local social de Vos Campos, no que desemboca este novo camiño.
Menos notoria é a falta de actualización da Avenida da Coruña, humanizada e con cambios no sentido do tráfico. En Google segue como no 2020, con sentido de baixada cara a Ponte do Burgo, que a pesar de ser unha obra recente si que loce o seu novo aspecto peonil na plataforma de Maps.
Neste barrio tampouco figura a intervención realizada polo Concello na parcela traseira do Pavillón Municipal, no que foi retirado un coche abandonado e está en marcha a instalación de zonas axardinadas e un campo de petanca.
A falta de actualización afecta tamén o centro da cidade. A intersección entre Benito Corbal e Cobián Roffignac cambiou de aspecto tantas veces que é difícil saber a que data corresponde a foto actual de Google Maps e Street View, na que aínda pode verse ese pavimento vermello sobre o que conviven a diario centenares de coches e peóns. Do que non hai rastro é da nova praza, á que só lle restan pequenos remates, que será inaugurada moi pronto.
Máis notorio é o desfasamento das obras da futura estación intermodal de Pontevedra. A entrega do proxecto é aínda afastada, pero a enorme praza que preside a entrada á nova estación de autobuses xa é unha realidade. Con todo, segundo Google Maps os traballos acaban de empezar, pois na imaxe poden verse aínda os guindastres, cheas de area e o pavimento levantado.
Son os anacronismos máis destacados pero non os únicos. As obras da A-57 poden verse desde o alto, aínda que o seu grao de execución non se corresponde co presente. Tampouco os recentemente estreados parques forestais a Tomba ou a Fracha. En cambio, a Ronda Leste ou a reforma de Echegaray si que están xa integradas na aplicación de Google, que a recado recollerá pronto a nova fisionomía da Boa Vila.