O goberno provincial asegura que nunca haberá un título de FP para a Escola de Cantería se non se transfire o centro á Xunta
Por Redacción
"Que non enganen á xente. Nunca haberá un título de FP para a Escola de Cantería se non se reclama e se defende a transferencia do centro á Xunta", asegurou a deputada provincial Noemí Outeda referíndose ás últimas demandas formuladas polo PP a nivel estatal.
A responsable da Escola de Cantería, que deu "a benvida á preocupación que ultimamente están a ter pola escola", recordou que "a educación é competencia exclusiva das comunidades autónomas" e manifestou botar en falta "que os señores do PP non presenten iniciativas no Parlamento galego esixindo a transferencia do centro" á Xunta de Galicia.
A deputada provincial asegurou non entender "como agora entran as presas para que haxa un novo título de FP cando entre 2011 e 2018 había un ministro de Educación do PP ao que non formularon demandas de ningún tipo, a pesar de que tanto o alumnado coma o profesorado reclamaban unha titulación oficial".
Tamén recordou Outeda que "cando chegamos á Deputación de Pontevedra a Escola de Cantería por non ter, non tiña nin licencia. Tivemos que investir moitos recursos para conseguir, en xuño de 2020, que o centro, que levaba vinte anos en funcionamento, acadase a licenza de primeira ocupación. Esta era a vergoñenta xestión do PP".
Fai un ano que o goberno provincial rematou as obras na Escola de Cantería, nas que investiu case medio millón de euros, para acadar a licenza municipal de actividade coa adaptación do centro á normativa vixente en materia de accesibilidade, contaminación acústica, protección contra incendios e seguridade, condicións hixiénicas e de habitabilidade e prevención de riscos laborais.
Estas obras permitiron que a escola poida optar á acreditación como Centro de Formación para o Emprego no que impartir ata cinco certificados de profesionalidade.
Amais, nestes momentos, xa está en contratación a redacción do proxecto para o cambio da cuberta da Escola cun novo investimento de en torno aos 380.000 euros.
Actualmente, a Deputación de Pontevedra atópase á espera de que a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a administración competente, a autorice para impartir a formación dos cinco certificados a través dun convenio.
"Enviamos xa fai unhas semanas o borrador á Consellería e estamos á espera da súa conformidade" asegurou a deputada provincial, quen engadiu que "precisamos menos mocións e máis accións, que a Xunta se mova e se axilicen os trámites xa para que se faga unha realidade".
En setembro de 2019 a institución provincial enviou escrito á Consellería de Educación para traballar conxuntamente na transferencia da escola á Xunta de Galicia e poder avanzar cara a FP. Tamén reiterou en varias ocasións á administración autonómica que destinase recursos no marco do seu orzamento para facerse cargo, ao menos, do 50% dos custes do funcionamento do centro e dar así pasos nesta dirección.
Relacionadas:
-
O Congreso insta ao Goberno a crear unha nova titulación de FP de cantería
Por Oskar Viéitez |
-
A Escola de Cantería abre o día 13 o prazo de matriculación
Por Redacción |
-
O PP asegura que a Escola de Canteiros de Poio "está abocada á desaparición"
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación anima á mocidade para descubrir a cantería e valorala como opción de futuro
Por Redacción |
-
O PP reclama en Madrid que se recoñeza a formación da Escola de Cantería de Poio
Por Redacción |