A área sanitaria planifica xa o verán nos PAC por unha eventual indispoñibilidade de profesionais
Por Redacción
Profesionais da área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés mantiveron este venres unha reunión no Hospital Provincial de Pontevedra cos xefes de servizo dos centros de Atención Primaria que dispoñen de Punto de Atención Continuada para abordar a cobertura estival destes dispositivos asistenciais ante a eventual indispoñibilidade de suficientes profesionais.
Sobre a planificación estratéxica para garantir a asistencia no verán, a dirección do Sergas xa traballa nunha proposta que trasladará a próxima semana á xunta de persoal da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
Neste sentido, unha das alternativas que se manexan para dar maior continuidade asistencial á Atención Primaria o próximo verán pasaría por solicitar a voluntariedade dos profesionais para incrementar nunha garda máis ao mes para efectuar nos Puntos de Atención Continuada durante o período estival.
Subliñan desde o Sergas que o cronograma organizativo planificado contará co criterio técnico e asistencial da Dirección e a colaboración e coordinación dos traballadores dos centros de saúde, para que a cobertura asistencial de consultas de Atención Primaria e a atención das urxencias extrahospitalarias manteñan a súa continuidade operativa.