Primeiros pasos da plataforma que xestionará o transporte a demanda en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Unha plataforma dixital que será "sinxela e operativa". Así definen desde o goberno municipal a ferramenta que permitirá xestionar o futuro servizo público de transporte a demanda, que o Concello confía en ter operativo a principios do ano 2023.
O edil de Obras Urbanas e Transporte, Demetrio Gómez, amosou o 'esqueleto' do que serán a ferramenta web e a APP para móbil deste servizo, dentro da xornada Unha ollada á estratexia urbana 'Máis Modelo' de Pontevedra que se celebrou no Teatro Principal.
Explicou que se trata tan só da armazón da estrutura, a falta aínda de definir cuestións como a imaxe e o deseño visual e gráfico, o idioma -a definitiva será integramente en galego-, ou o nome que recibirá esta plataforma, que na súa fase inicial foi bautizada como "Pontetaxi".
Esta ferramenta funcionará cunha usabilidade "moi básica" na que o futuro usuario ou usuaria contará cun formulario para solicitar unha viaxe cubrindo apartados elementais como o punto de orixe, o destino e os datos de contacto.
A aplicación para móbil, pola súa banda, contará cunha parte dedicada ao rexistro de usuarios e usuarias, a partires da cal se van pasando pantallas nas que se indican os puntos de orixe e destino da viaxe, as características do vehículo que se precisa, a hora de recollida e chegada ou o custo e a forma de pagamento da viaxe.
Queda pendente por establecer se os puntos de recollida serán porta a porta ou se se definirán lugares de encontro comúns por áreas ou zonas ou se os puntos de destino serán individuais ou se tamén se establecerán puntos comúns ao longo da cidade.
No referente aos horarios tamén se está estudando se as recollidas dos usuarios serán personalizadas segundo as súas demandas, ou se se establecerán franxas horarias.
Demetrio Gómez asegurou que esta aplicación se irá axustando ata acadar o obxectivo final de contar cun servizo de transporte a demanda que atenda ás persoas que viven en zonas rurais, que permita utilizar vehículos respectuosos co medio ambiente ou que sexa "asequible economicamente" para as persoas usuarias.
Relacionadas:
-
O transporte a demanda será o "coche de punto" e iniciará as súas probas o 31 de xaneiro
Por Alejandro Espiño |
-
Enquisas na primeira quincena de xuño para coñecer hábitos de mobilidade e perfilar o transporte a demanda
Por Anxo Lourido |
-
O modelo de cidade de Pontevedra, recoñecido polas institucións europeas como exemplo de cidade a seguir
Por Redacción |
-
As dúas liñas de transporte urbano operarán desde o 1 de xuño e pasarán cada media hora
Por Alejandro Espiño |
-
A plataforma de transporte compartido a demanda funcionará a finais de 2022 para dar servizo ao rural
Por Redacción |