Esculturas ocultas como protesta dos alumnos de Restauración, que estudan iniciar o Camiño de Santiago
Por Anxo Lourido
Os estudantes da Escola de Restauración e Conservación continúan as súas protestas para que o Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, os reciba e busque unha solución para que este centro de Pontevedra sexa acollido na Universidade de Vigo.
Durante esta xornada decidiron manifestar o seu malestar cubrindo catro estatuas da cidade con plástico negro e letreiros reivindicativos. Os alumnos, vestidos con batas brancas e máscaras, tapaban así a escultura a Castelao na Avenida de Santa María, o Fiel Contraste tras o edificio do Concello, o Ravachol na Praza da Peregrina e a figura de Valle Inclán en Méndez Núñez.
Javier Peribañez, voceiro dos estudantes, indicou que con esta campaña se quere mostrar a importancia que teñen os conservadores e restauradores "se non se conta connosco, imos perder os monumentos. Trátase dunha pequena metáfora do que é a nosa profesión". A súa intención é continuar realizando novas protestas e este mércores realizarán unha sentada na Praza da Peregrina. E segundo Peribañez, a asemblea de estudantes estuda se iniciar durante a próxima semana o Camiño de Santiago e, ao longo de tres días, ofrecer charlas nos pobos polos que pasen.
DIMISIÿN DO CONSELLO ESCOLAR
Este luns o Consello Escolar dimitiu en bloque co que os seus membros suspenden as actividades representativas dos estudantes. "Nun país no que ninguén dimite, nós dimitimos", afirma Javier Peribañez. A asemblea evitou que a dirección dimitise, polo momento, para contar cun órgano representativo.