Detido un mozo que danou e rabuñou varios vehículos aparcados na rúa
Por Redacción
A intervención dun cidadán, unha patrulla da Policía Nacional e un garda civil fóra de servizo permitiu nos últimos días deter a un mozo que causara danos en varios vehículos aparcados nunha rúa de Pontevedra.
Os feitos sucederon na mañá do 7 de maio. Unha patrulla da Comisaría Provincial realizaba labores de prevención da seguridade cidadá cando un cidadán alertoulles da presenza dun individuo que estaba a golpear varios vehículos estacionados.
Os axentes realizaron unha batida pola zona e localizárono porque o individuo, ao detectar a presenza policial, saíu fuxindo á carreira. Na súa fuxida, empuxou a varios cidadáns, ata que foi interceptado polos axentes.
Os axentes da Policía Nacional lograron detelo coa axuda dun garda civil fóra de servizo. Trátase dun veciño de Pontevedra de 20 anos con antecedentes policiais ao que se atribúen os delitos de danos e resistencia.
Mentres trataban de interceptalo, os axentes observaron na rúa varios vehículos estacionados que presentaban danos de distinto tipo: espellos retrovisores, rabuñaduras e golpes en portas.
Ademais, a encargada dun establecemento comercial da zona relatoulles que leste mesmo individuo rompéralle o arco de seguridade da tenda, que está valorado en máis de 500 euros.
O detido foi trasladado a dependencias policiais, onde se tramitou o correspondente atestado, tras o cal foi posto a disposición xudicial.