Autorizan a creación dun novo aparcadoiro público en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
A Xunta de Galicia acaba de informar favorablemente á modificación puntual número 3 das normas subsidiarias do Concello de Cerdedo-Cotobade, o que permitirá a implantación dun aparcadoiro público.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda trasladou esta semana á administración local a orde de aprobación definitiva pola que se cambia a cualificación de tres parcelas (clasificadas como solo urbano de núcleo rural) para aplicarlles a ordenanza de equipamentos.
As parcelas suman unha superficie total de case 2.600 metros cadrados e foron adquiridas polo Concello para a definición do devandito equipamento de uso e interese xeral.
A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, dependente da Consellería, formulou o informe ambiental estratéxico desta modificación puntual e decidiu non sometela ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria.
Non obstante, para a tramitación desta iniciativa, impulsada polo Concello, foi necesario dispoñer dos informes sectoriais oportunos, tanto da administración autonómica como da estatal; así como dar audiencia aos concellos limítrofes da Lama, Campo Lameiro, Forcarei, A Estrada, Ponte Caldelas e Pontevedra.