Amigos de Galicia merca ordenadores e conexións a Internet para familias sen recursos con fillos en idade escolar
Por Redacción
A Fundación Amigos de Galicia proporciona dispositivos informáticos e conexión a internet para os menores en idade de escolarización das familias que por atoparse en situación de risco ou exclusión social non dispoñen dos recursos para adquirilos e non poden facer fronte ao custo da liña da internet,
Este mércores, o salón de plenos do Concello da Lama acolleu unha destas entregas. No acto estiveron presentes o tenente de alcalde e concelleiro de Servizos Sociais, David Carrera, e o director xeral de Fundación Amigos de Galicia, Jesús Busto; así como a familia do menor que recibe o material informático.
Esta entrega enmárcase no Proxecto “Dixitalízate con Nós” que Fundación Amigos de Galicia puxo en marcha este ano, dentro das actividades de apoio á infancia para cubrir as necesidades básicas que se sumaron co confinamento: a falta de computadores e acceso a internet. Este programa ten como obxectivo combater a fenda dixital que sofren moitos menores galegos de familias con carencia de recursos económicos e que ocasiona que non poidan seguir con regularidade o curso escolar.
"É urxente e necesario dar cobertura a esta necesidade de acceso ás novas tecnoloxías que teñen os menores en idade de escolarización. Hoxe en día os
ordenadores ou tabletas e a conexión a internet son algo básico para que poidan estudar e non poden perder o curso por non ter acceso a eles”, asegurou Jesús Busto Peteiro, director xeral de Fundación Amigos de Galicia.
Esta entrega conta co apoio da Xunta de Galicia dentro das subvencións destinadas á realización de programas de interese social para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF.
Esta actuación tamén contou coa colaboración do Concello da Lama, con quen a entidade mantén un convenio de colaboración para atender ás familias en situación de risco de pobreza ou exclusión social do municipio.