Verán de obras no IES As Bizocas e no CEIP de Vilaxoán
Por Redacción
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, iniciará este xoves 13 de maio os procesos de licitación das obras de renovación das cubertas e de parte das fachadas no IES Plurilingüe As Bizocas, situado no Concello do Grove, e no CEIP de Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa, cun orzamento global de case 415.000 euros.
A apertura deste proceso de contratación foi anunciada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, nas visitas que realizou aos dous centros de ensino na compaña do xefe territorial de Educación, César Pérez, e representantes municipais e educativos. Ademais, engadiu que a previsión é que as obras poidan iniciarse no verán e que se prolongarían durante os dous meses non lectivos.
A actuación proxectada no IES das Bizocas, na que se investirán 140.000 euros, realizarase sobre o edificio principal, o pavillón e nos sistemas de recollida de pluviais.
As obras consistirán na reparación e substitución das cubertas, comezando polo recoñecemento previo do seu estado antes de proceder á súa desmontaxe. Posteriormente, instalaranse novas cubertas de chapa de aceiro galvanizado con sistemas de illamento, acometerase unha pequena mellora en certas partes da fachada e substituiranse todas as baixantes e canalóns para controlar as escorreduras da choiva.
Con respecto ao colexio de Vilaxoán, destinaranse 275.000 euros para renovar as cubertas actuais, tamén deterioradas e que nalgúns casos están construídas con fibrocemento, e para corrixir os rebordamentos de canalóns e baixantes. Tamén se acometerá a substitución dos paneis defectuosos da fachada por unha nova envolvente e se mudará o sistema de recollida de pluviais.