Militares da Brilat fórmanse para "afrontar con maiores garantías o seu futuro laboral"
Por Redacción
Un total de 75 militares de tropa pertencentes á Brigada Galicia VII, Brilat, recibiron este xoves un certificado de profesionalidade nivel 2 emitido polo Servizo Público de Emprego Estatal que acredita que superaron diferentes módulos formativos.
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu na Base Xeneral Morillo de Figueirido o acto de entrega, no que tamén estiveron presentes a directora provincial do Servizo Público de Emprego Estatal, Marta Estrada; o xeneral xefe da Brigada, Luis Cortés; e o subdelegado de Defensa en Pontevedra, Miguel Constantino Cortés.
Os militares que recibiron o seu certificado manteñen unha relación de servizos de carácter temporal coas Forzas Armadas. O Ministerio de Defensa, consciente da temporalidade do compromiso militar dunha parte do persoal de tropa profesional, mantén a súa preocupación en proporcionarlles oportunidades de desenvolvemento persoal e profesional que faciliten o seu acceso ao mundo laboral ao termo da súa relación de servizos coas Forzas Armadas.
Maica Larriba destacou a importancia que teñen estes certificados de profesionalidade para estes militares, xa que permitirán que acrediten unha serie de coñecementos profesionais cando se incorporen á vida civil.
A subdelegada tamén destacou o esforzo do alumnado, que conseguiu a súa formación "con moita dedicación e sumando horas alén dos seus compromisos laborais" e obtivo un título que lles axudará a "afrontar con maiores garantías o seu futuro laboral".
Os militares recibiron formación froito dun convenio de colaboración entre o SEPE e o Ministerio de Defensa e dunha subvención de 223.959 euros. No último curso impartíronse cursos de cinco especialidades: Soldadura con electrodo revestido e Tic, Atención sanitaria a múltiples vítimas e en catástrofes, Transporte sanitario, Seguridade privada e protección ás persaos, e curso de lingua e matemáticas para que aquelas persoas que non estaban en posesión do título de Educación Secundaria Obrigatoria puideran acceder aos diferentes plans formativos.
Durante o curso 2020/2021 a Base Xeneral Morillo ofertará oito novos módulos formativos.