En marcha a restauración da fonte dos Catro Canos en Tivo
Por Redacción
Comezaron as obras para rehabilitar a fonte dos Catro Canos de Tivo, datada en 1880 e situada no Camiño Portugués a Santiago, na parroquia de Santa María de Caldas de Reis. Estes traballos contan cun investimento de 15.236 euros, dos que 6.202 proceden da Deputación de Pontevedra.
A reforma intégrase no programa municipal 'Fontes do Camiño' e é executada pola empresa Forxa Chago, que traballou na restauración das pezas metálicas da fachada do Obradoiro da Catedral de Santiago. A dirección da obra corresponde ao arquitecto Luís Gil Pita.
Está prevista a restauración de elementos de granito que compoñen o vaso e o tanque orixinais, tamén se recompoñerán os encintados e limparase toda a fonte. Tamén se repoñerá a natureza orixinal dos diferentes elementos da composición a través de tratamento tradicional de aceites e grafito, renovando a súa instalación de fontanería e mellorando a estanqueidad da fonte para que funcione de maneira correcta.
A intención é reforzar a imaxe do Camiño de Santiago ao seu paso polo municipio, segundo explicaba o concelleiro de Obras, Manuel González. A fonte de Tivo é un elemento decimonónico cun claro carácter hixienista. Trátase dunha obra de finais do século XIX que avanza na modernidade das infaestructuras básicas, introducindo no territorio elementos que serven para abastecemento de auga que se formalizan con máquinas pretecnolóxicas de pequeno tamaño. A fonte ofrece bocas que presentan unha imaxe zoomorfa con escamas que imitan aos peixes.
Esta fonte é a quinta na que se traballa desde o programa do Concello despois de restaurar a Fonte da Burga, a da Praza de Abastos, a do Campo da Torre e a Fonte das Palmeiras. Proximamente, o goberno local quere reformar as fontes centenarias de Pazo, na parroquia de Santa María, e de Faramentáns en San Clemente.