Abre a campaña de verán, na que 7.820 menores poderán pedir praza en campamentos da Xunta
Por Redacción
Desde este mércores, todas as persoas interesadas poderán solicitar praza nun dos 40 campos de voluntariado convocados pola Xunta de Galicia para este verán e a partir do xoves queda tamén aberta a convocatoria dos campamentos de verán para a mocidade de entre 9 e 17 anos.
Desta maneira, a Xunta de Galicia abre as actividades que conforman a campaña de verán, que este ano se pon en marcha baixo o lema 'O verán que mereces’.
O programa de actividade desenvolverase nos meses de xullo, agosto e setembro e porá á disposición da xuventude galega un total de 7.820 prazas, mil máis que o ano pasado.
O Goberno galego manterá as bases do protocolo específico fixado o ano pasado para os campamentos de verán, no que hai medidas como a redución da ocupación, a incorporación gradual dos participantes, o reforzo do persoal monitor ou o incremento das medidas hixiénico-sanitarias.
En canto aos campamentos de verán, o prazo de solicitude será de sete días hábiles a partir deste xoves. As familias numerosas e monoparentais terán un desconto do 50%, e as persoas usuarias do Carné Xove gozarán dunha rebaixa do 25%.
As solicitudes deben presentarse preferiblemente por vía telemática a través da Sede Electrónica. Na páxina de Xuventude hai dispoñible máis información ao respecto.
Para os campos de voluntariado celebrados en Galicia, o prazo de inscrición estará aberto ata cinco días antes do comezo de cada campo. Para os campos de voluntariado noutras comunidades autónomas habilítanse dúas convocatorias, a primeira delas remata o día 21 de maio ás 14.00 horas. A segunda convocatoria abrirase o 1 de xuño e permanecerá aberta ata cinco días antes do inicio do campo.
A solicitude presentarase mediante un formulario en liña e cada persoa solicitante debe escoller, por orde de prioridade, un máximo de cinco campos de voluntariado. As prazas serán adxudicadas por rigorosa orde de recepción.