O campamento Natura II mergulla á mocidade de Sanxenxo no medio mariño
Por Redacción
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, achega o programa Coñece Galicia ao Concello de Sanxenxo coa posta en marcha do minicampamento Natura II, que se desenvolverá ao longo desta semana con actividades centradas no coñecemento do medio natural e mariño.
Con motivo do arranque desta iniciativa xuvenil, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, asistíu este martes ás primeiras actividades que están a celebrar os vinte participantes e que, nesta estrea, están a ter lugar no xacemento arqueolóxico da Lanzada, na parroquia de Noalla.
"Temos unha campaña estival moi completa para a mocidade galega, na que ademais nos esforzamos coma nunca para tratar de que recuperen a súa vida social despois das restriccións máis duras da pandemia, e por iso dende a Xunta deseñamos numerosas iniciativas de esparcemento que buscan mesturar a formación, o lecer e a conciliación das familias en todo o territorio”, sinalou o representante autonómico.
O minicampamento Natura II ten un formato despregado en cinco xornadas consecutivas que inclúen manutención, aloxamento e programa de actividades empregando como sede un aloxamento turístico que, neste caso, é o Hotel Con D´Arbón. Ademais, a inscrición conta con descontos para os participantes que pertenzan a familias numerosas ou monoparentais ou que teñan activo o Carné Xove.
Esta quenda –unha das catro que se desenvolven en Sanxenxo ao longo deste verán– conta coa participación de vinte nenas e nenos de 10 a 14 anos que gozarán de actividades como mergullo, coñecemento de especies mariñas autóctonas, orientación, paddle surf, obradoiros de reciclaxe, xogos deportivos, bodyboard ou visitas e enclaves de interese