O Diario Oficial de Galicia publica a aprobación do primeiro PXOM de Portas
Por Redacción
O Diario Oficial de Galicia publica este venres a orde de aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Portas, o primeiro co que contará este municipio pontevedrés e que está chamado a guiar o seu desenvolvemento urbanístico durante os próximos 20 anos.
Deste xeito, dáse un paso definitivo de cara á entrada en vigor do novo documento, pendente tan só agora de que o Concello publique a normativa e as ordenanzas do Plan xeral no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e o inscriba a continuación no Rexistro do Planeamento Urbanístico de Galicia.
Ademais, Portas convértese no municipio número 111 de Galicia en contar cun planeamento adaptado e acorde á normativa urbanística vixente, unha ferramenta grazas á cal se poderá planificar e prever o crecemento do municipio, ao tempo que servirá de garantía para o seu desenvolvemento responsable, sostible e equilibrado co horizonte posto no ano 2041.
Cómpre lembrar que os traballos técnicos para a elaboración deste PXOM comezaron hai 12 anos. Durante este tempo, o equipo redactor estudou en detalle os case 23 quilómetros cadrados que abrangue o municipio, distribuídos ao redor de catro parroquias Briallos, Portas, Lantaño e Romai.
De toda a superficie do concello, preto do 84% aparece recollida no planeamento como solo rústico e outro 15%, como solo de núcleo rural. No novo PXOM tamén se recollen algo máis de 45.000 metros cadrados reservados para espazos libres e zonas verdes e máis de 100.000 metros cadrados, para equipamentos comunitarios.
O PXOM de Portas ordena tamén o solo urbano do núcleo da Estación para facilitar os asentamentos neste ámbito a través de novos desenvolvementos, e prevé a creación de solo terciario e industrial para dar un pulo ás actividades empresariais e de servizos neste concello de pouco máis de 3.000 habitantes. Unhas previsións que permitirán a implantación de actividades innovadoras en solo urbano, a diversificación produtiva do medio rural e a potenciación dos valores ambientais e paisaxísticos do termo municipal.