Volven os concertos e verbenas de pé con ata 1.000 espectadores
Por Diego Espiño
Pontevedra foi o escenario escollido este sábado pola Xunta de Galicia para presentar os dous novos protocolos normativos nos que traballa para regular os eventos culturais ao aire libre a partir deste próximo verán e mentres a normalidade post-pandemia non sexa plena
Trátase de dúas normativas diferenciadas en función do formato do espectáculo, empezando por "verbenas tradicionais ou concertos de menos de 1.000 espectadores ao aire libre", explicou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, acompañado do vicepresidente autonómico, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.
Neste caso "imos a plantexar público de pé", confirmou Rodríguez aínda que sempre en lugares nos que se ocupe un máximo de 1/3 da súa superficie, para garantir distancia entre os asistentes. Nestes eventos "poderase bailar con convivintes", sinalou o conselleiro, pero non comer e beber. Ademais manteranse medidas como o rexistro de asistentes, a reserva previa da entrada ou o uso de máscara.
Para testar a súa aplicación a Xunta ten previsto realizar cinco probas piloto en diferentes concellos de Galicia o próximo 19 de xuño, coa previsión de que se o resultado é satisfactorio a normativa poida entrar en vigor este mesmo verán, no mes de xullo.
Por outra banda nos eventos de maior formato, sempre ao aire libre, por norma xeral o aforo máximo será de 5.000 espectadores pero poderá chegar a 10.000 "no Monte do Gozo, Castrelos ou estadios de fútbol", sinalou o conselleiro.
Para este tipo de espectáculos crearanse "pequenos sectores e burbullas de 1.000 persoas sentadas", avanzou o titular de Cultura, sen superar o 50% da superficie do recinto e con grupos de ata 6 persoas xuntas. Permitirase ademais o consumo de comida e bebidas. Cada un destes sectores contará con entrada e saída independente, sendo necesario o uso de máscara e contar cunha butaca preasignada previa reserva de entrada.
Co verán á volta da esquina a presentación dos protocolos responde a que "pensamos que é o momento de facelo para que se poida comezar a programar", defendeu Román Rodríguez.