A Praza do Mar de Sanxenxo acollerá o sábado unha noite de verbenas
Por Redacción
Sanxenxo vivirá o vindeiro sábado unha noite musical na que se rememorarán as verbenas dos anos 60,70 e 80. A Praza do Mar é o escenario elixido para realizar tres dos seis programas previstos no espectáculo “Cen anos de verbena galega” protagonizados pola orquestra A Ocaband e 12 coñecidos músicos galegos.
A concelleira de Cultura, Paz Lago, presentou esta mañá xunto ao director e creador dos programas, Carlos Alleres, e o director artístico e músico da Ocaband a proposta musical na terraza do Hotel Talasso Sanxenxo. "Sanxenxo non podía deixar de participar nunha homenaxe aos cen anos da verbena galega. A nosa tradición e a nosa cultura popular vai ligada ás festas patronais e á música das pasarrúas, das bandas de música e, por suposto, das verbenas. O día non é casualidade, coincide coa festividade de San Antonio, e servirá para dar o pistoletazo de saída as festas patronais do verán", explicou.
Lago sinalou que a proposta busca ser “unha inxección de optimismo e nostalxia” a través de tres verbenas de diferentes épocas nun espectáculo de 180 minutos de duración. "A entrada será de balde e realizarase baixo un estrito protocolo anticovid con control de aforo, previa inscrición e cadeiras numeradas", explicou.
O recinto contará con 500 cadeiras e a localización dos asistentes realizarase por rigorosa orde de inscrición. A cita dará comezo ás 21 horas e concluirá á 1 da madrugada. As persoas que estean interesadas en asistir a un, dous ou tres programas deberán retirar a entrada no Pazo de Emilia Pardo Bazán ou as bibliotecas municipais onde deixarán a súa niombre, apelidos, teléfono e DNI. Unha vez que dispoñan da entrada, deberán validar esas entradas por asentos numerados a través dun whatsapp no téfono 682 084 555. Para calquera dúbida que poida xurdir poden chamar ao teléfono 986 727 936.
Os tres pases de verbena converteranse en tres programas diferentes que emitirá a TVG en horario de máxima audiencia.
O músico vilalongués, Dani Dopazo, que se encargará de coordinar o espectáculo en Sanxenxo coa orquestra A Ocaband cualificou o evento como un documusical con historia da verbena galega e convidados moi importantes dentro da esfera musical como Sito Sedes, J. Santana ou María Costas. “Eleximos un repertorio que define moi ben os anos 60,70 e 80. Era necesario facer algo para que a xente saiba e coñeza porque a verbena ten tanto arraigamento en Galicia e as orquestras galegas teñen unha fama tan reputada non territorio nacional”, indicou.