Pontevedra aproba, coa abstención do PP, incorporar 15 millóns máis ao orzamento
Un dos grandes asuntos sobre o que virou o pleno municipal deste luns foi a incorporación de 14.682.000 euros, procedentes dos remanentes de tesourería, ao orzamento do Concello para 2021. Esta modificación de crédito foi aprobada cos votos de BNG e PSdeG-PSOE.
O responsable de Facenda, Raimundo González, destacou que se trata da modificación "máis transcendental" que se aprobou en Pontevedra e que, máis aló das cantidades, "cualitativamente" supoñerá un "gran salto adiante" para todo o municipio.
O edil do BNG detallou, entre as principais partidas, os 3,2 millóns para a compra de Santa Clara, os máis de 5 millóns para actuacións de accesibilidade urbana e rural, os 1,7 millóns para instalacións deportivas ou os 1,7 millóns para zonas verdes e parques infantís.
Para actuacións en materia de eficiencia enerxética serán 1,25 millóns, para a reforma de dependencias municipais outros 877.000 euros e a gasto social e axudas de emerxencia destinaranse uns 500.000 euros.
Estes case 15 millóns, engadiu González, "permitirán xerar emprego, mellorar a calidade vida dos cidadáns e contribuír a un maior equilibrio territorial no concello".
O tenente de alcalde, o socialista Tino Fernández, engadiu que "ninguén que queira a Pontevedra pode opoñerse a esta modificación", que será posible porque o Goberno central anulou as "condicións leoninas" impostas polo executivo anterior aos concellos.
Nesta modificación de crédito "non hai ningunha medida superflua" e o Concello, poñendo ao servizo dos veciños todos os seus recursos dispoñibles, "queremos dar resposta ás necesidades da veciñanza en todas as ordes" e mellorar a vida dos pontevedreses.
Os populares, que se abstiveron, censuraron a "poca vergüenza" do Concello de "no ayudar" con este diñeiro "a ninguna persoa afectada por la pandemia", o que demostra segundo o concelleiro Gerardo Pérez Puga, que a este goberno "lo único que le importa es el ladrillo".
"Parece más una declaración de intenciones porque seguimos sin ayudar a quien realmente lo necesita" sinalou Pérez Puga, que apuntou que "buena parte" das actuacións recollidas sexan "recurrentes" ou para financiar obras "inacabadas".
Ademais, vaticinou que "no vamos a ejecutar ni el 50% de lo que dicen aquí".
Tras esta intervención, Raimundo González lamentou que o PP "non se quere sumar ao carro" dun programa de investimentos que cualificou como "un plan Marshall municipal". Non o fan, sinalou "porque non queren que se faga nada".
"Faremos moitas cousas mal que lle pese a vostedes", concluíu o concelleiro nacionalista.
Relacionadas:
-
Non haberá comisión de investigación polos contratos do Concello que o PP tacha de "ilegales"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A situación o Concello de Pontevedra "vai seguir estando ben" a pesar de esgotar os seus remanentes
Por Oskar Viéitez |
-
A comisión de investigación polas contratacións do Concello, única moción do vindeiro pleno
Por Redacción |
-
Pontevedra incorpora 14,6 millóns ao seu orzamento para financiar 52 novas actuacións
Por Alejandro Espiño |