Cinco anos santos cumprindo a tradición de peregrinar a Santiago
Por Oskar Viéitez
O pasado domingo día 23, un grupo de setenta e cinco persoas pertencentes á Asociación das Amigas e Amigos do Camiño Portugués de Santiago volveron á ruta xacobea para iniciar a súa tradicional peregrinación de todos os Anos Santos, desdePorto a Santiago de Compostela.
Cinco anos santos xa transcorreron desde a fundación desta Asociación.
Tras recibir a bendición do peregrino na catedral de Porto estes camiñantes realizaron a primeira etapa ata o mosteiro de Leça do Balío.
O xantar celebrárono, en confraternidade cos seus compañeiros portugueses, no albergue de Sehora dá Hora en Matosinhos que elebraba o seu décimo aniversario e que atenden os hospitaleros Abel Ribeiro e Alzira São José, recibindo aos peregrinos pontevedreses con especial hospitalidade e agarimo.
Segundo explican desde a asociación, a peregrinación este ano ten varias motivacións: "a do agradecemento por poder realizala (despois dos momentos pasados), a da gratitude ou petición persoal e a de volver reunirnos de novo".
Ademais esta é unha iniciativa aberta, polo que poden participar todas as persoas que o desexen, podendo unirse á mesma en calquera momento.
O calendario previsto da peregrinación contempla que para o domingo 30 de maio terá lugar a segunda etapa entre Vilarinho-Barcelos, o domingo 6 de xuño será a terceira etapa entre Barcelos – Ponte De Lima; a cuarta etapa está prevista para o domingo 13 de xuño entre Ponte de Lima e a localidade de Rubiaes; para o domingo 20 de xuño espérase poder completar a quinta etapa: Rubiaes-Valença do Minho.
A partir de Valença do Minho farase un descanso retomándose en setembro e os sábados pola tarde.
O vindeiro domingo día 30 realizarán a segunda etapa que finalizará na cidade de Barcelos e o xantar está previsto en San Pedro de Rates. Os billetes para a etapa poden retirase, ata o venres 28, no Albergue de peregrinos ou nas oficinas da Asociación no edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Benito Corbal.
Relacionadas:
-
O verán e a fin das restricións permite a reactivación do Camiño
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
75 peregrinos participan na etapa entre Ponte de Lima e Rubiães
Por Redacción |
-
Poio colaborará co Encontro Europeo de Peregrinación Xuvenil
Por Redacción |
-
Once empresas aspiran a reformar o albergue de peregrinos de Pontevedra
Por Redacción |