A vida submarina, motivo do mural do IES Poio en DepoRuarte
Por Redacción
Un total de 16 estudantes de cuarto curso da ESO do IES de Poio presentaban este martes o mural sobre a vida submarina que se pode observar nun dos muros exteriores do centro educativo.
Esta acción inclúese no programa de concienciación ambiental DepoRuárte, que a Deputación de Pontevedra desenvolve en centros de Ensino Secundario e Formación Profesional da provincia.
O IES de Poio acolleu esta primeira actividade dentro do programa e a deputada Laura Iglesias asistía á presentación, acompañada pola vicedirectora do centro, Sabela Bará, ademais da profesora Julia Torregrosa e docentes encargadas desta iniciativa.
Durante a semana pasada, o alumnado recibía unha sesión teórica na que se trataron temas relacionados co coidado do planeta. Precisamente, o mural recolle o impacto contaminante de plásticos e outros residuos humanos na vida submarina.
O programa de DepoRúarte leva este ano o lema 'Pensando no 2030' e xira sobre a importancia do cambio climático no marco da Axenda 2030.