'Galicia, Mellor Sen Touradas' pide á Xunta que non permita celebrar unha 'novillada' en Sanxenxo o 24 de xullo
Por Redacción
A plataforma 'Galicia, Mellor Sen Touradas' mostra o seu "rexeitamento frontal" á 'novillada' picada que a Fundación Toro de Lida quere organizar en Sanxenxo o 24 de xullo dentro do ciclo da Liga Nacional de 'Novillada's 2021.
Os abolicionistas piden á Xunta de Galicia e ao Concello de Sanxenxo que neguen calquera autorización para este evento. O Concello sinalou este sábado, tras darse a coñecer a noticia da celebración, que "nega categoricamente que se autorice" este evento taurino.
A plataforma utiliza, entre outros, argumentos sanitarios, pois manteñen que "en metade dunha pandemia é perigosa aínda a convocatoria de eventos con concentración de persoas".
Ademais, utilizan o seu ideario abolicionista para soster o seu rexeitamento e consideran "insultante" o desembarco en Sanxenxo dunha entidade da que critican que recibe fondos do Ministerio de Cultura "para tratar de dar un verniz artístico ao que é unha actividade cruel". A plataforma lembra, ademais, que que unha convocatoria recente un dos participantes, un novillero de só 19 anos, foi corneado e "literalmente saíronselle as tripas".
'Galicia, Mellor Sen Touradas' contactará co tecido social e os grupos políticos de Sanxenxo para organizar unha resposta conxunta a esa convocatoria.
Relacionadas:
-
Sanxenxo acolle o próximo xullo unha novillada picada da Fundación Toro de Lida
Por Marisa Ciordia | Creada e actualizada