Abre o prazo de inscrición para as actividades de verán en Portas
Por Redacción
O prazo de incrición para participar no programa 'Actividades Verán 2021' do Concello de Portas xa está aberto. O campamento celebrarase no CPI Domingo Fontán nos meses de xullo e agosto en horario de 9 a 14 horas para favorecer a conciliación laboral e familiar.
O límite de prazas é de 55 en xullo e de 30 no de agosto, con preferencia para os empadroados no municipio, que os proxenitores traballen nos meses de verán, que traballe algún ou dependendo da situación familiar.
Para apuntarse, os interesados deberán recoller e entregar a solicitude no Rexistro do Concello de Portas ou ben por sede electrónica entre o 31 de maio e o 13 de xuño. O listado de admitidos o publicarán o 14 de xuño e o prazo de matrícula estenderase do 15 ao 21 de xuño.
Polo que respecta ao prezo por mes, para os empadroados será de 50 euros (80 no caso de dous irmáns) e de 35 euros a quincena. Para os non empadroados serán 70 euros ao mes (112 no caso de dous irmáns) e de 45 euros por quincena. Aplicarase un desconto, non acumulativo do 40% ás familias numerosas.
Para máis información, as persoas interesadas poden dirixirse á Casa da Cultura, no teléfono 986 53 69 25 ou ao Concello de Portas, no teléfono 986 53 61 61 (ext. 1).