2,1 millóns para mellorar o firme de 353 quilómetros de estradas provinciais
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra deu luz verde a un investimento total de 2,1 millóns de euros en novas actuacións de conservación de firmes na rede viaria provincial, ao abeiro do Acordo Marco que regula estes traballos de mantemento nos 1.650 quilómetros de estradas provinciais.
As actuacións, aprobadas pola Xunta de Goberno da Deputación, van supoñer traballos de conservación de firmes en 353 quilómetros de 64 estradas provinciais que transcorren por 28 concellos da provincia.
Entre outras actuacións, suporá mellorar viais das comarcas de Caldas e O Salnés (Zona C). Alí vanse realizar obras por importe de 634.076 euros en 18 estradas dos concellos de Barro (1), Cambados (1), O Grove (1), Sanxenxo (2), Meaño (3), Meis (4), Ribadumia (2), Vilanova (3) e A Illa (1), que en total suman 87 quilómetros.
Na Zona D (comarcas de Pontevedra, Terra de Montes, O Morrazo e Vigo) actuarase en 36 estradas de Pontevedra (4), Vilaboa (1), Ponte Caldelas (2), A Lama (3), Cerdedo-Cotobade (2), Poio (3), Cangas (4), Moaña (2), Marín (4), Bueu (2), Fornelos (1), Redondela (3), Soutomaior (2), Moraña (1) e Campo Lameiro (2), cun orzamento de 878.598 €. Neste caso, a rede viaria na que se intervirá abrangue 199 quilómetros.
Trátase de obras de conservación que permitirán o mantemento dos firmes e a reposición da sinalización horizontal afectada, así como as operacións complementarias precisas para garantir a seguridade: dende reparación de fochancas, melloras de pavimentos, regas, reposición de mesturas, drenaxes, levantamentos de firmes, demolicións ou reconstrucións entre outras actuacións.