Cunetas tendidas e pasos elevados para mellorar a seguridade viaria en Cambados
Por Redacción
A Deputación Provincial de Pontevedra acaba de rematar dúas obras en Cambados que, logo dun investimento de 62.000 euros, lograrán mellorar a seguridade viaria nas estradas provinciais ao seu paso por esta localidade.
O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, e a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, visitaron este vernes as dúas actuacións, realizadas na estrada de Fefiñáns a Oubiña (EP-9002) para a execución de cunetas tendidas e na avenida do Salnés (EP-9003) para a construción de pasos de peóns sobreelevados.
Na estrada de Oubiña quedou solucionada, tras un investimento de de 55.000 euros, a canalización das augas pluviais. Saneáronse ambas beiras retirando tocos e raíces de árbores, ademais da limpeza dos noiros. Tralo corte e demolición das beiravías asfaltadas instalouse unha tubaxe de 315 milímetros para a recollida das augas superficiais. Sobre ela colocouse un sistema de cuneta remontable cun ancho dun metro, aproveitando todo o espazo dispoñible ata o límite dos peches e fachadas.
Creouse así unha nova plataforma peonil que mellorará a seguridade viaria das persoas que camiñan por esta transitada estrada, que rexistra unha Intensidade Media Diaria de 1.782 vehículos, un 8% deles pesados.
Na avenida do Salnés (EP-9003), que une a entrada principal de Cambados coa contorna da piscina, habilitáronse pasos de peóns sobreelevados co obxectivo de regular a velocidade dos vehículos e facilitar a permeabilidade peonil en condicións de seguridade.
Estes catro pasos de peóns forman parte do paquete de actuacións previstas polo Plan Móvese III en Cambados deste ano, que inclúe cinco pasos de peóns sobreelevados e tres lombos, cun investimento total de 63.500 euros.