Inician os contactos cos centros educativos para activar o programa Edukasano
Por Redacción
Promover hábitos saudables en toda a poboación escolar de Marín. É o obxectivo do programa Edukasano, impulsado polo Concello de Marín e a Universidade de Vigo, que porá en marcha unha serie de actividades centradas na alimentación e na actividade física.
O primeiro paso do programa, tras a sinatura do convenio entre ambas administracións, foi unha xuntanza cos diversos centros educativos da vila que participarán do proxecto.
Edukasano pretende que os nenos e nenas de Marín adquiran unha capacidade crítica para elixir estilos de vida saudables, segundo os seus responsables, para o que se implicará ao profesorado, ás familias e ao propio tecido asociativo e produtivo marinense.
Ademais de incrementar o coñecemento sobre a orixe de determinadas enfermidades, como a diabetes ou a obesidade, o programa intentará mellorar os hábitos de vida relacionados coa prácticas de actividade física e unha dieta equilibrada.
As accións, que se levarán a cabo en todos os centros educativos da localidade, desde infantil a bacharelato, estarán adaptadas a cada unha das etapas formativas e estarán relacionadas coas competencias incluídas nos currículos de cada curso.
Así, en infantil, traballarase coas artísticas e culturais, a creatividade, a imaxinación ou adaptabilidade; mentres que en primaria centraranse sobre todo nas competencias lingüísticas, en secundaria nas socioemocionais, e en bacharelato, nas competencias dixitais.