Edukasano, un proxecto para educar sobre a saúde e o Camiño de Santiago, chega a 13 centros de ensino de Marín
Por Redacción
O grupo de investigación Gies-10 da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra presentou este martes no Concello de Marín o proxecto Edukasano, que busca desenvolver unha intervención educativa que englobe o fomento dos hábitos saudables co traballo das competencias propias de cada educativa e que á súa vez tome como punto de partida o contexto social e cultural de Marín.
As e os integrantes deste grupo deseñaron unidades didácticas para cada nivel educativo, desde infantil ata bacharelato, que teñen no Camiño de Santiago un dos seus eixos temáticos e que este martes presentaron aos directores e directoras dos 13 centros de ensino do municipio.
O proxecto, realizado a través dun convenio co Concello de Marín, presentouse este martes en Marín coa participación de representantes do campus pontevedrés da Universidade de Vigo e a concelleira de Educación de Marín, Marián Sanmartín.
A catedrática Margarita Pino, coordinadora do grupo Gies-10, destacou que os obxectivos destas unidades didácticas son fundamentalmente a creación de hábitos saudables e o desenvolvemento do espírito crítico do alumnado, sempre a través de metodoloxías activas ou de aprendizaxe-servizo.
O vicerreitor do campus, Jorge Soto, explicou que este proxecto centrado na actividade física e na saúde é un traballo en equipo que suma tanto aos investigadores e investigadoras da Univesidade de Vigo como ao persoal docente das diferentes etapas.
Este proxecto ten como eixos o liderado do profesorado, o apoio das familias, a innovación tecnolóxica e a utilización de metodoloxías activas e propón aos diferentes centros levar a cabo unhas propostas didácticas que teñen como núcleo a saúde, pero que se deseñaron tamén co obxectivo de traballar as competencias recollidas nos currículos de cada etapa na nova lexislación.
A idea do grupo Gies-10 é que, coa implicación dos centros, Marín poida converterse nun referente educativo, unha das primeiras localidades de España, sinalou, en levar a cabo un proxecto con metodoloxías activas e traballo por competencias, de xeito conxunto.
O grupo Gies-10 proxecta que esta experiencia piloto faga posible posteriormente solicitar un proxecto europeo no que se impliquen máis centros de toda Galicia.