Dáse á fuga nun control e ameaza un amigo por negarse a suplilo como condutor infractor ante Tráfico
Por Redacción
Axentes da Garda Civil localizaban un condutor nas últimas horas despois de que, o 19 de maio, o home se dera á fuga nun control de tráfico que realizaba o Destacamento de Tráfico de Pontevedra na estrada PO-302, á altura do municipio de Vilanova de Arousa. O condutor circulaba a gran velocidade, segundo informan desde a Garda Civil.
Trátase dun veciño de Vilagarcía de Arousa, de 32 anos, que circulaba cun permiso para conducir ciclomotores, que non o habilitaba para conducir o turismo que pilotaba. Debido a esta situación, foi notificado como presunto autor dos delitos contra a seguridade viaria e desobediencia por non respectar os sinais de alto nun control de estradas.
Pero a investigación permitiu constatar que, antes de que se producira a identificación, o condutor tentara eludir as súas responsabilidades presionando un amigo para que se identificase como condutor do turismo. Ofreceulle 400 euros, dos que adiantou 100. Ademais, o infractor comprometíase a pagarlle o importe total das sancións económicas ás que tería que facer fronte cando chegaran as notificacións da Dirección Xeral de Tráfico.
Segundo se desprende da denuncia presentada, o amigo incumpría o acordo e o infractor comezou a chamalo por teléfono, enviándolle mensaxes de textos e audios con ameazas cara el e a súa familia. Por este motivo, a Garda Civil notificou a investigación contra o condutor como presunto autor dun delito de ameazas.
O Grupo de Investigación e Análise (GIAT) do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra instruía as dilixencias que foron entregadas no Xulgado de Garda de Vilagarcía de Arousa.