Poio limitará as fogueiras de San Xoán a espazos privados
Por Redacción
Por segundo ano consecutivo non haberá cacharelas comunitarias de San Xoán en Poio. O goberno municipal confirmou que, debido á pandemia, só se autorizarán a xuntanza de persoas arredor do lume en lugares que sexan de ámbito privado.
As solicitudes para poder acender unha destas fogueiras poderán presentarse entre os días 14 e 22 de xuño. Todas elas deberán cumprir coas medidas de seguridade habituais, garantindo a súa realización en espazos que estean acondicionados debidamente.
O Concello de Poio ten claro que, maila que a situación sanitaria mellorou de xeito ostensible con respecto ao verán pasado, aínda non é o momento de impulsar celebracións masivas.
"Coa mellora da situación sanitaria experimentada nos últimos meses, sería unha irresponsabilidade pola nosa parte apostar por retomar xa a fórmula tradicional das cacharelas", advirte a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas.
O executivo municipal confía en que en 2022 "poidamos volver a gozar dunha noite máxica como a de San Xoán con absoluta normalidade", engadiu a edil.
Caldas agarda que a veciñanza volva ter un "comportamento exemplar" na noite de San Xoán, igual que o ano pasado, cando non se detectou ningunha cacharela ilegal en espazos públicos.