O Centro de Día de Sanxenxo reabrirá o vindeiro mércores
Por Redacción
O Centro de Día reabrirá a próxima semana con 30 usuarios e baixo un estrito protocolo anticovid. O mércores, día 9, incorporaranse os primeiros 9 usuarios e o xoves, día 10, os outros 21.
Nas últimas semanas realizouse unha posta a punto das instalacións, con pequenas obras de reparación, limpeza e desinfección dos espazos e acondicionamento dos xardíns exteriores.
A actividade retomarase cunha nova furgoneta adaptada de 7 prazas que, unida a outra de similares características, mellorará a calidade do transporte dos usuarios.
O alcalde, Telmo Martín, e o concelleiro de Servizos Sociais, Daniel Arosa, acompañaron esta mañá ao director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antonio Acevedo, na visita ao Centro de Día. "Sei que esta apertura é moi importante para moitas familias do municipio e para moitos usuarios que veñen a este centro. Facémolo agora coas maiores garantías posibles e cun servizo acorde a situación actual",, explicou o alcalde, Telmo Martín.
O percorrido polas instalacións estivo guiado pola directora do Centro de Día, María Insua, que se encargou de explicar o protocolo de atención, aprobado pola Xunta de Galicia, no marco da actual situación sanitaria.
Un plan que o director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, cualificou de "espectacular" do mesmo xeito que as instalacións de case mil metros cadrados. "Hai que felicitar ao Concello e ao personal do Centro de Día polas grandes instalacións que teñen e polo ben que estableceron o protocolo", declarou.
O Plan Anticovid do centro marca grupos burbulla de convivencia estable de 10 usuarios e divididos por espazos. As instalacións, cuxa limpeza dos espazos comúns será reforzada, contarán con xel desinfectante e será obrigatorio o uso de máscara. Para ofrecer unha maior seguridade realizaranse test periódicos.
Ademais, mentres non se complete o proceso de vacinación, realizarase un plan de cribado: Un test de antíxenos a todos os usuarios e traballadores cada 15 días e unha proba PCR cada mes a un terzo dos mesmos. Cando se complete e transcorran polo menos 14 días desde a segunda dose de vacina, só realizaranse test de detección Covid 19 a aqueles que presenten síntomas.
O horario do Centro de Día manterase de 9 a 19:30 horas e dispón de 80 prazas totais para usuarios.
Este centro de día mantén a súas portas pechadas desde marzo de 2020 por mor da pandemia.
Entre os servizos que ofrece atópanse por exemplo o de xeriatría cunha atención diaria para o usuario, incluíndo o baño completo, así como o control de medicamentos ou mobilidade. Ademais ofrecen servizos de enfermaría, fisioterapia para a realización de desenvolvemento da función física entre outras actividades.
Por outra banda, ofrecen unha terapia ocupacional e sociocultural onde levan a cabo iniciativas orientadas a recuperar a parte cognitiva, psicomotriz, dinámica e rehabilitación persoal. Por último, este centro de día tamén pon a disposición dos usuarios un comedor, con servizo de comida, merenda e almorzo se é con causa xustificada.