Poio prepara as súas praias para o inicio da tempada de verán
Por Redacción
O Concello de Poio traballa desde hai varias semanas na posta a punto das praias do municipio. O alcalde, Luciano Sobral, explica que ademais das habituais tarefas de limpeza nos areais tamén se está a levar a cabo diferentes traballos de reparación nos accesos e varandas das praias.
Recentemente levouse a cabo a reparación de varandas en Chancelas Pequena (Combarro), mentres que actualmente tamén se está a actuar na praia de Fontemaior, na parroquia de Raxó. Ademais, o líder do equipo de Goberno sinala que nos vindeiros días se procederá a efectuar labores para o movemento das areas na praia de Raxó. Esta actuación é necesaria para recolocar o sedimento no seu estado habitual, logo de que os temporais e as fortes mareas rexistradas durante boa parte do inverno desprazasen parte da superficie ata as proximidades do espigón do peirao.
Por outra banda, cómpre lembrar que o Concello conta con dez operarios, integrados no departamento de Servizos Municipais, que foron contratados de xeito temporal a través da Liña 3 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, entre cuxas tarefas inclúese a limpeza de praias. Seis destes traballadores incorporáronse o pasado mes de abril, mentres que os catro restantes están operativos desde o 1 de xuño.
A limpeza de praias continuará realizándose de xeito regular ata a finalización da temporada estival. Asemade, tamén continúa o proceso de contratación para os seis socorristas que, como xa é habitual, desenvolverán tarefas de vixía nas praias de Cabeceira e Xiorto.
CUBERTA DO CONSISTORIO
O Concello prevé que o remate da remodelación integral da cuberta do consistorio se produza a finais do verán. A Xunta de Goberno Local con concedeu unha prórroga de dous meses á adxudicataria para finalizar as obras de eficiencia enerxética, solicitada pola propia empresa por mor das inclemencias meteorolóxicas rexistradas durante boa parte do inverno e da primavera.
A actuación, financiada a través de fondos europeos obtidos a través do IDAE, uns 240.000 euros aproximadamente, e xestionados pola Concellería de Urbanismo e Promoción Económica, inclúe a dotación dun sistema de illamento que garante unha importante redución do consumo enerxético, así como a dotación de novas oficinas e almacéns no baixocuberta.
Relacionadas:
-
Os socorristas de Xiorto e Cabeceira atenderon 59 incidencias durante o mes de xullo
Por Redacción |
-
Poio habilitará unha praia canina na Seca, entre o Parque da Memoria e Combarro
Por Redacción |
-
A calidade das augas das praias Poio conseguen os mellores resultados do último lustro
Por Redacción |
-
Seis socorristas vixiarán as praias de Cabeceira e Xiorto entre xuño e setembro
Por Redacción |