Cincuenta rapaces participarán en "Vilaverán", o programa de conciliación familiar de Vilaboa
Por Redacción
Vilaboa ofertará cincuenta prazas para o programa "Vilaverán", a iniciativa municipal para axudar á conciliación das familias durante os meses de verán.
Poderán participar nestas actividades lúdicas e formativas os nenos e nenas que teñan idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, segundo avanzou o Concello.
As familias interesadas en beneficiarse desta iniciativa poderán formalizar a súa inscrición ata o día 28 do presente mes de xuño chamando ao número de teléfono 986 673 806 ou presencialmente na Casa de Cultura de Riomaior.
"Vilaverán" terá un custe de 30 euros mensuais, que as familias deberán aboar no momento do inicio das actividades.
Os participantes dividiranse en dous grupos atendendo a súa idade. Por unha parte, os nenos de entre 3 e 5 anos participarán nas actividades os martes e xoves en horario de 10.30 a 13.30 horas, mentres que os de 6 a 12 anos o farán os luns e mércores no mesmo horario.
En ambos casos o programa, que conta con 25 prazas para cada franxa de idade, desenvolverase nas instalacións do colexio de Riomaior.
O programa "Vilaverán" é unha actividade organizada co apoio das ANPAS do Toural, de Riomaior e do CRA de Vilaboa, coa colaboración da compañía Migallas Teatro.