Regades critica que a postura de Feijóo sobre Ence é "desconcertante": "xa tivo catro"
Por Redacción
O secretario provincial dos socialistas pontevedreses, David Regades, criticou este xoves a traxectoria "desconcertante" do presidente da Xunta e do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, en relación co futuro da factoría de Ence en Pontevedra, pois cuestiona que xa " xa tivo catro posturas sobre Ence".
Fala, así, de que estivo a favor do traslado ata 2013, e así o sinalou nos seus programas electorais por dúas veces; logo cambiou de opinión e opúxose. Volveu cambiar de novo, "a unha postura ambigua, nin si nin non", tras a xuntanza organizada pola ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera o pasado mes de maio e "dende hai unhas semanas reapareceu o Feijóo do non".
"Que Feijóo tocará no futuro? O tempo dirá", preguntouse Regades durante a súa intervención no comité executivo provincial do PSdeG-PSOE de Pontevedra, que este xoves recuperou a presencialidade despois da pandemia e celebrouse nos xardíns do centro da UNED en Pontevedra
A situación da empresa Ence e as incertezas acerca do seu futuro marcaron boa parte do debate. David Regades afirmou que o pasado mes de marzo lanzou publicamente a proposta para a construción dun novo complexo papeleiro (pasta de celulosa e papel) en Galicia e, preferentemente, na contorna da comarca de Pontevedra aproveitando a posibilidade de cofinanciar a operación cos fondos Next Generation da Unión Europea.
Regades expresou entón a súa perplexidade polo feito de que este proxecto non estivera nas primeiras liñas dos proxectos tractores "supostamente enviados ao Goberno de España, porque hai quen di que é unha folla de Excell na que hai máis proxectos de gasto ordinario autonómico xa comprometido, que verdadeiros proxectos industriais".
O líder dos socialistas pontevedreses indicou que o propio conselleiro delegado de Ence, Ignacio Colmenares, ten calculado o custo da operación en 700 millóns de euros e que "nunca antes houbo unha ventá de oportunidade como a actual para facer posible esa operación, pero fai falta vontade e visión de país, algo do que a Xunta anda escasa".
O secretario xeral socialista afirma que "os intereses dos e das traballadoras de Ence e os de Feijóo son cousas moi distintas". Así, ás persoas que traballan en Ence ou dependen da fábrica interésalles un emprazamento físico de futuro, que non dependa de prazos concesionais sobre "terreos prestados" e que, ademais, serán cada vez máis precarios no marco da crecente normativa medioambiental española, europea e mundial.
Segundo Regades, en cambio, "Feijóo ten intereses máis sinxelos: esquivar o asunto na medida do posible e confrontar con Madrid para que a xente esqueza que as competencias sobre política industrial son autonómicas, como se a autonomía de Galicia fose de quita e pon".
Relacionadas:
-
O Partido Socialista xa ten a cabeza nas próximas eleccións municipais de 2023
Por Redacción |
-
A Audiencia Nacional resolverá o martes 22 de xuño o futuro de Ence na ría de Pontevedra
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
O comité de ENCE volve á rúa para esixir avances na mesa de traballo polo futuro da fábrica
Por Manu Otero |
-
A APDR critica que os socialistas cedan "ás esixencias de ENCE" modificando a Lei de Cambio Climático
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta sostén que debe ser o Estado o que busque unha localización alternativa a ENCE
Por Redacción |
-
ENCE e a Xunta aceptan estudar "novos escenarios" para un posible traslado
Por Alejandro Espiño |
-
O PSOE agarda que a mesa de traballo sobre o futuro de ENCE sirva para "chegar a acordos"
Por Redacción |