Pontevedra baixará o recibo do lixo de decembro por enviar menos toneladas a Sogama
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra aplicará a todos os contribuíntes unha bonificación do 3,5% no recibo bimensual pola recollida do lixo de decembro.
O concelleiro de Economía, Raimundo González Carballo, anunciou que este mércores a Comisión de Facenda abordou a modificación da ordenanza fiscal pola recollida de residuos sólidos urbanos, que igual que en anos anteriores contempla unha baixada desta taxa.
Segundo explicou Raimundo González, "se un cidadán paga 21,93 euros ao bimestre polo lixo agora no mes de decembro vai pagar 17,32 euros", é dicir, que se baixa a toda a cidadanía 4,60 euros neste exercicio. A redución é proporcional á taxa de recollida polo que será maior para un establecemento comercial ou un restaurante.
González Carballo cifrou en 217.000 euros a diminución en ingresos para as arcas municipais.
Esta bonificación aplicarase en decembro e obedece á orde da Consellería de Medio Ambiente que fixa o canon que aplica SOGAMA (Sociedade Galega de Medio Ambiente) e que incentiva ás administracións locais para que se comprometan a reducir a produción de residuos e/ou a incrementar a reciclaxe dos envases lixeiros, en plena sintonía coas directrices da Unión Europea na materia.
O ano pasado diminuíu a factura que o Concello de Pontevedra paga a Sogama en 195.000 euros "sen embargo a diminución nos ingresos foi de 226.000 euros" apuntou o concelleiro nacionalista. "A redución que facemos na ordenanza é superior ao que nos diminúe a factura de Sogama", engadiu.
No ano 2019 o Concello de Pontevedra mandou a Sogama 29.479 toneladas de lixo e o ano pasado reduciuse esa cantidade e foron 28.282 toneladas "e este ano imos por un camiño similar" porque entre xaneiro e maio, "en relación ao ano pasado xa mandamos 492 toneladas menos que o ano pasado".
"Iso quere dicir que hai un compromiso máis que evidente dos veciños de Pontevedra coa compostaxe e coa reciclaxe", sinalou Raimundo González que entende que iso se debe ao incremento dos centros de compostaxe comunitarios e individuais, e o Plan Composta de recollida de biorresiduos no contedor marrón, polo que expresou o seu "agradecemento aos veciños de Pontevedra polo seu compromiso co medio ambiente e por fomentar esta redución do envío de residuos a Sogama que vai en beneficio de todos".