O Campus de Pontevedra, pioneiro no estudo do rescate acuático
Por Redacción
Unha diferenza de segundos ou un mínimo detalle poden supor o éxito ou o fracaso dun rescate na auga.
Co propósito de mellorar o protocolo de actuación da profesión de socorrista, investigadores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, del Campus de Pontevedra, decidiron unir forzas e crear o grupo de investigación Remoss, Rendemento e motricidade do salvamento e socorrismo, pioneiro a nivel internacional en avaliar os parámetros fisiolóxicos do rescate acuático e as posibles consecuencias que teñen sobre a intervención no afogado.
"Somos innovadores na metodoloxía que estamos a empregar no ámbito do socorrismo, tentando valorar cientificamente a calidade das manobras de primeiros auxilios realizadas polo rescatador para redundar nunha mellora na intervención sobre a persoa que sofre o afogamento", explica Roberto Barcala, investigador principal do grupo.
Segundo os propios docentes que conforman Remoss, o socorrismo non é un campo de estudo moi desenvolvido no ámbito internacional e "as evidencias que hai ben son escasas, ben sen rigor científico, polo que podemos dicir que estamos partindo de cero", subliña Barcala, de aí que o grupo oriente nestes momentos todos os seus esforzos "a recoller datos nos traballos de campo que realizamos de forma periódica".
Así, o equipo de investigadores atópase inmerso no deseño dun protocolo de intervención para un socorrista en situación de fatiga "que é o seu estado normal tras o esforzo do nado", matiza o director do grupo, producíndose como consecuencia unha perda na calidade dos exercicios de reanimación.
"Ante esta falta de eficiencia, nós propomos solucións como o emprego de mecanismo automáticos de compresión ou o relevo máis precoz do rescatador", exemplifica Barcala que engade que estas achegas están sendo "moi ben acollidas" pola comunidade científica internacional.
"O noso obxectivo final é que estes apuntamentos se reflictan nas recomendacións das guías científicas para reanimación nun futuro", salienta.