A provincia de Pontevedra únese a UNICEF para loitar contra a Covid-19 en Siria
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra uniuse a UNICEF para contribuír a garantir o dereito á supervivencia e o desenvolvemento dos nenos e as súas familias afectados pola Covid-19 en Siria, asegurando o acceso a servizos básicos de auga, saneamento e hixiene e saúde.
Segundo explicou a presidenta de UNICEF Comité Galicia, Myriam Garabito, "mentres descenden os contaxios e séguense aplicando os plans de ‘desescalada’ nalgúns lugares, a expansión do virus e outras variantes detectadas seguen avanzando, causando mortes, perdas de ingresos e graves ameazas para a saúde e o desenvolvemento global".
Unha das intervencións crave para facer fronte a esta pandemia é extremar o coidado da hixiene, por exemplo, lavando ben as mans. "Para iso, é fundamental garantir o acceso a auga potable e a instalacións de saneamento seguras e adecuadas", sinalou Myriam Garabito.
Co apoio da Deputación de Pontevedra, UNICEF comprará e distribuirá kits de auga e hixiene para os menores e as súas familias, subministracións básicas para os centros de saúde, equipamento médico e hixiénico para a protección do persoal sanitario e subministracións para a desinfección de escolas, centros de saúde e outras instalacións básicas.
UNICEF estima alcanzar 125 centros de saúde en todo o país, con especial foco nas zonas máis vulnerables, máis densamente poboadas e campamentos de desprazados onde a pandemia pode ter efectos devastadores.
"É clave traballar no fortalecemento dos sistemas de saúde, garantindo subministracións e equipos de protección para o persoal de saúde das zonas máis afectadas e tamén atender necesidades a longo prazo que axuden a previr, diagnosticar e tratar enfermidades. Se servizos como a inmunización interrómpense durante unhas poucas semanas, haberá unha maior morbilidade e mortalidade por outras enfermidades altamente contaxiosas como o sarampelo" concluíu Garabito.