O restaurante de KFC en Pontevedra abrirá as súas portas este xoves
Por Alejandro Espiño
A multinacional KFC contará a partir deste xoves 24 de xuño co seu primeiro restaurante en Pontevedra. Abrirá as súas portas un "KFC Auto", o segundo que haberá en Galicia tras o que existe en Narón. Está situado na Avenida de Lugo, xusto á beira de McDonalds.
Tras dous meses de obras, a compañía Gallaecia de Hostelería e Inversiones 1991, que xestiona as franquías galegas de KFC, abrirá as portas deste establecemento ás 12:30 horas, segundo confirmou o seu responsable, Jesús Ron de las Heras.
O seu horario de atención ao público será ininterrompido ata as 23:30 horas, aínda que venres e sábado "pecharemos algo máis tarde", explica o empresario a PontevedraViva.
O "KFC Auto", que ocupa un edificio de nova construción no número 89 da Avenida de Lugo, permitirá que os clientes poidan acudir co coche e recoller os seus pedidos sen baixar do vehículo nin ter que acceder ao interior do establecemento.
O restaurante xa está terminado para acoller este xoves aos seus primeiros visitantes, que tamén poderán consumir no seu interior. O bo tempo, segundo Ron de las Heras, permitiu que os traballos de urbanización cumprisen os prazos previstos.
Tan só quedan por pintar os carrís do circuíto de entrada e saída dos coches ou as prazas de aparcamento, labores que se demoraron uns días debido ás choivas das últimas xornadas. "Todo estará a punto para a inauguración", garantiu o seu responsable.
O investimento económico neste proxecto superou os 700.000 euros e o restaurante será "similar" aos que xa existen en Galicia pero terá un deseño "máis actual", engade o empresario, adaptando a súa imaxe ás novas tendencias.
O que lles resultou "complicado", recoñece Jesús Ron de las Heras, foi cubrir os trinta postos de traballo que se ofertaban. "Moita xente aínda están en ERTE nas súas empresas e prefiren esperar", subliña. Incorporáronse unha vintena de empregados.
O resto dos postos de traballo que se necesitan no restaurante chegarán temporalmente do persoal que a compañía ten noutros establecementos de Santiago e A Coruña "polo menos para arrancar e despois xa veremos como vai a cousa".
"Estamos abertos a recibir currículos", aseguran desde o restaurante, para completar a decena de empregos que quedaron vacantes na primeira convocatoria.