Crean o observatorio "Stop Machitroles" para combater a violencia machista na rede
Por Redacción
Dar resposta aos ataques "brutais e evidentes" que as mulleres sofren cada día na internet. Ese é, segundo a presidenta da Deputación, Carmela Silva, o obxectivo do observatorio Stop Machitroles, que se creará no marco da Cátedra de Feminismos 4.0 da Universidade de Vigo.
Trátase dunha ferramenta que permitirá analizar os distintos tipos de violencias machistas que se rexistran no eido de Internet e as redes sociais.
A través deste observatorio, as persoas poderán denunciar de forma anónima as agresións, acosos, vexacións, ridiculizacións, ataques á dignidade das mulleres e calquera comportamento de carácter misóxino, machista ou sexista.
Ao finalizar o ano, realizarase un informe no que se dará conta das incidencias, co obxectivo de amosar cal é a frecuencia, intensidade ou tipoloxía das formas nas que se presenta a violencia contra as mulleres, o machismo e a misoxinia na contorna dixital.
Esta será unha das novidades da terceira edición da Cátedra de Feminismos 4.0, que tamén creará un laboratorio de ideas, no marco do Comité de Sabias, para desenvolver propostas desde unha perspectiva de xénero que converxan nun produto científico.
Na presentación da nova edición da cátedra, Silva subliñou a "extraordinaria" idea de crear e manter esta iniciativa porque "hai moitísimas iniciativas que teñen que ver coa loita pola igualdade e coa análise da situación das mulleres nas carreiras STEM, pero faltaba unha cátedra que se dedicara en toda a súa extensión a analizar a era dixital".
Pola súa banda, o reitor da universidade, Manuel Reigosa, lembrou que na rede "o machismo está campando as súas anchas", facendo que nos atopemos en internet con cuestións "impensables" nas relacións interpersoais que fan "moi importante" que exista esta cátedra.
Dentro das accións que se repetirán na cátedra, estás as axudas á investigación que, debido ao éxito obtido na convocatoria de 2020, impulsaranse nos mesmos termos, adaptándose ás limitacións da pandemia e ás súas implicacións. Para esta actividade destinaranse 30.000 euros, dos que cada persoa beneficiaria poderá xestionar un máximo de 6.000 euros.
Os Premios GirlGeekCovid continuarán coa súa misión de promocionar, apoiar e fomentar os estudos STEM entre as alumnas da Universidade de Vigo. Haberá un premio de 2.000 euros e un accésit de 1.000 euros por cada ámbito de estudo: o científico e o tecnolóxico de titulacións dos campus situados na provincia (Pontevedra e Vigo) .
Ademais, o workshop Sociedade dixital e xénero: Hackeando o patriarcado vaise desenvolver no mes de outubro cunha xornada matinal de conferencias a cargo de investigadoras expertas no ámbito das STEM e o feminismo.
En paralelo con estas actividades, a Cátedra de Feminismos 4.0 continuará utilizando as súas canles de comunicación, desde a súa propia web, redes sociais e boletín trimestral, para continuar visibilizando a presenza das mulleres nos eidos científico e tecnolóxico e, ao mesmo tempo, denunciando situacións de discriminación e desigualdade contra as mulleres.
Relacionadas:
-
Catro alumnas da Universidade de Vigo premiadas por ser referentes para as futuras xeracións de científicas e tecnólogas
Por Oskar Viéitez |
-
Ciberacoso, 'sextorsión', insultos ou hackeos: así actúan os 'machitroles' nas redes
Por Redacción |
-
"No caminas sola", a campaña para liberar o Camiño de Santiago de violencia machista
Por Redacción |
-
A Xunta destinará 1,4 millones de euros a programas en favor de mulleres vulnerables
Por Redacción |
-
A Xunta destina 1,6 millóns de euros a 50 concellos da provincia en axudas para a prevención da violencia de xénero
Por Redacción |
-
O pleno da Deputación elude o debate sobre a concesión dos indultos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Nace o Comité de Sabias para loitar pola igualdade nos ámbitos científicos e tecnolóxicos
Por María José Pita |
-
Políticas e xornalistas, as mulleres que máis insultos reciben nas redes sociais
Por Redacción |
-
Laura Sánchez, Ana Ramírez, María Elena Márquez e Iria Ollero, Premios GirlGeekCovid
Por Oskar Viéitez |