O programa das 'Festas de Verán' xa está na rúa
Por Redacción
A programación de verán ‘O son da rúa’ está dispoñible en formato físico e todas as persoas que o desexen poden pasar a recollelo nas dependencias do Concello en Michelena 30, ou nas tres oficinas de turismo da cidade: na oficina de Turismo municipal na planta baixa da Casa Consistorial, na oficina da Deputación provincial no Palacete das Mendoza, ou na oficina da Xunta na rúa da Marquesa.
Tamén estará a disposición do público nas dependencias do Servizo de Festas na rúa Churruchaos.
O programa ‘O son da rúa’ recolle toda a programación ata o 6 de agosto, xusto ata antes de que dean comezo as Festas da Peregrina, posto que a programación desde o 7 de agosto e do mes de setembro se fará pública o vindeiro mes.
Así, inclúense os 14 programas que se desenvolverán desde o 2 de xullo ata o 6 de agosto, e tamén o San Bieito, a Feira de artesanía e deseño ‘Chalana’, e o Santiaguiño do Burgo.
Convén lembrar que o programa deste ano leva no seu interior un calendario, despregable e independente, acompañado dun imán para poder colgalo nunha superficie metálica e ir consultando as actividades por días e programas específicos.