Campaña de roza e limpeza nas 15 parroquias do rural pontevedrés
Por Redacción
O Concello de Pontevedra, a través da concellería de Xestión de Residuos e Limpeza Viaria, anuncia o inicio este luns, 28 de xuño, das rozas nas parroquias do rural e en todos os espazos periurbanos da cidade para que estean en perfectas condicións de uso de fronte ao verán.
Estes traballos comezarán pola parroquia de Mourente para continuar cara a Bora, Marcón, Tomeza seguindo polas parroquias da zona sur do municipio ata finalizar polas da zona norte.
Neste gran operativo someteranse a unha roza e limpeza as vías municipais, torreiros de festas, parques infantís, lugares de centralidade parroquial e zonas verdes, entre outros.
Segundo informa o goberno local, encargaranse dos traballos catro brigadas municipais facendo uso de dous tractores e de dúas rozadoras. Tamén participará persoal a pé que traballará manualmente nos espazos máis complicados.
Ademais de eliminar a maleza crecida durante o inverno ou coas últimas choivas, retiraranse entullos e limparanse beiravías e canalizacións de pluviais.
Xunto á actuación no rural tamén se prestará atención a zonas periurbanas como Mollabao ou Monte Porreiro.