"Normalidade absoluta" no primeiro día de corte ao tráfico de Benito Corbal para a súa peonalización
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
"Hai unha normalidade absoluta na circulación". Así de rotunda e positiva é a valoración que realiza o concelleiro de Obras Urbanas de Pontevedra, Luis Bará, tras a primeira mañá da rúa Benito Corbal cortada ao tráfico para executar as obras de peonalización. Recoñece algúns incidentes puntuais de condutores que non coñecían o novo sentido das rúas do ámbito e "problemiñas" nos accesos a garaxes, pero que en ningún caso provocaron atoamentos ou retencións.
Bará sinalou que a hora punta na rúa está entre as 9.30 e as 10.00 horas, momento de apertura dos comercios, e que nese momento "o tráfico era fluído" e "non houbo retencións". Tras esas primeiras horas puideron comprobar que a maioría dos condutores circula por Benito Corbal e cruza cara a Sagasta xusto antes de que se corte a rúa e que a cofusión máis habitual se deu en persoas que descoñecían o novo funcionamento do cruzamento de Cruz Gallestegui e Branco Porto.
En relación cos accesos aos garaxes, houbo algúns problemas ás saídas destes e estase a traballar para evitalos. Xa nos días previos a este corte do tráfico se retiraron farois ou sinais e rebaixaron algúns pivotes para facilitar a entrada e saída de zonas comunitarias.
Ademais, Bará adiantou que están a estudar ampliar a parada de taxis que ao cortarse Benito Corbal se trasladou a Daniel de la Sota. Neste punto reducíronse de 12 a oito o número de prazas de taxi dispoñible e aínda que ao longo da mañá deste martes non se encheron estase a estudar a forma de habilitar máis oco para que poidan aparcar os mesmos vehículos que na súa situación actual. Neste sentido, valórase a posibilidade de ampliar a parada cara á rúa Castelao para ocupar a zona que actualmente está reservada para os clientes do hotel Rías Baixas.
Esta ampliación implicaría cambiar a zona de estacionamento reservado para o hotel e situala "un pouco máis atrás" na rúa Castelao. A medida ten, en principio, boa recepción por parte dos responsables do establecemento hoteleiro, pois desa forma facilitarían que os seus clientes puidesen deterse na zona de aparcadoiro e logo acceder ao aparcadoiro privado situado uns metros antes da parada actual.
Relacionadas:
-
Benito Corbal estrea o venres a súa peonalización, dúas semanas antes do previsto
Por Alejandro Espiño |
-
Bará sobre as críticas do PP en Benito Corbal: "Aparecen sós coma cans na rúa"
Por Natalia Puga |
-
Benito Corbal xa está cortada ao tráfico para iniciar a súa peonalización
Por Diego Torrado |
-
Comezan os traballos previos á peonalización de Benito Corbal
Por Redacción |
-
O Concello pacta coa empresa que peonalizará Benito Corbal que a obra estea "a mediados de decembro"
Por Redacción |