Identifican seis mulleres, dúas delas menores, por furtar roupa nas rebaixas
Por Redacción
O dispositivo de seguridade despregado pola Policía Nacional con motivo do inicio do período de rebaixas permitiu identificar seis mulleres, dúas delas menores de idade, por furtar roupa e artigos en diferentes establecementos comerciais da cidade.
Estas seis persoas foron localizadas polos integrantes do dispositivo policial, integrado por axentes uniformados e de paisano, durante a tarde de onte luns.
A Policía Nacional lembra que os establecementos comerciais son o escenario máis frecuente para estes delitos, porque mentres clientes e empregados están ocupados os ladróns atopan máis facilidades para subtraer os obxectos expostos ao público.
Por iso, recomendan ter especial atención ás persoas que entran en grupo, especialmente cando unha delas acapara a atención dos empregados.
Ademais, a Policía suxire non perder nunca de vista a caixa rexistradora, aínda que haxa que desprazarse pola tenda para atender o requirimento dalgún cliente.
Para evitar ser vítimas dun furto mentres se pasea, o prioritario é asegurar as nosas pertenzas para o que, no caso das mulleres, os bolsos de man deberán ir cruzados na parte dianteira e levar dentro o imprescindible e nunca obxectos de gran valor.
Con respecto aos homes, as autoridades propoñen levar o billetero no peto dianteiro, a poder ser interior.
Tamén debemos ter coidado se somos abordados por varios individuos, normalmente mozos, que queren vendernos panos de papel, chisqueiros ou nos piden esmola, distraccións empregadas para roubar as pertenzas do viandante.
Será importante, sinalan desde a Policía Nacional, que se fomos vítimas dun furto reteñamos os máximos datos posibles dos autores, xa que todos os datos que se poidan achegar serán importantes para a investigación policial.
Por último, lembran que no caso de que nos subtraeran a carteira ou o bolso hai que dar aviso inmediato ás entidades nas que temos as nosas tarxetas de crédito para dalas de baixa. En apenas unhas horas os delincuentes poden facer cargos ata esgotar o noso saldo.