A renovada Fonte de Tivo xa dá de beber aos peregrinos que pasan por Caldas
Por Redacción
A Fonte dos Catro Canos de Tivo, en pleno Camiño Portugués, xa loce a súa imaxe renovada. Foi restaurada tras un investimento de 15.000 euros, conxunto entre o Concello e a Deputación, dentro do programa municipal "Fontes do Camiño".
A rehabilitación integral desta fonte, que data de 1880, permitiu restaurar os elementos de granito do vaso ou tanque orixinal, recompoñer os encintados e eliminar a costra bioxénica.
O elemento central da composición, a propia fonte de fundición, a súa bomba e os canos, foron repostos á súa natureza orixinal, mediante o tratamento tradicional dos aceites e grafito.
Remocicouse ao mesmo tempo todo o sistema da súa instalación de fontanería e mellorouse a estanqueidade da fonte para volvela a poñer en correcto funcionamento e as barras de apoio tamén foron reparadas, engadindo o material perdido mediante o procedemento da calda.
A empresa encargada de levar a cabo os traballos foi Forxa Chago, un taller de ferraría artística con ampla bagaxe na restauración de bens históricos, entre eles a catedral de Santiago.
O alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, mostrouse moi satisfeito co "magnífico" resultado desta restauración, da que destacou a "meticulosidade" e o detalle dos traballos "como merece unha peza de tanto valor tanto patrimonial a nivel patrimonial como social".
No marco deste programa para restaurar as fontes do municipio, Caldas de Reis xa rehabilitou a Fonte da Burga, a da praza de abastos, a do Campo da Torre e a Fonte das Palmeiras.
As próximas actuacións serán nas fontes centenarias de Pazo, na parroquia de Santa María e de Faramentáns na de San Clemente, todas elas elementos históricos e etnográficos de grande interese que se atopan no Camiño Portugués ao seu paso por Caldas.