![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/336/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/60ddd7fe84-20210701-sxigualdadedelegadopontevedra1.jpg)
© Xunta de Galicia
A Xunta destina 1,6 millóns de euros a 50 concellos da provincia en axudas para a prevención da violencia de xénero
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego e Igualdade, vai destinar este ano máis de 1,6 millóns de euros en axudas para a promoción da igualdade e a prevención de violencia de xénero, entre outras accións, a prol de 50 concellos da provincia de Pontevedra, o que supón que estas achegas beneficiarán ao 82% dos municipios.
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o xefe territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, informaron desta resolución nunha convocatoria celebrada no edificio administrativo de Campolongo.
O Executivo autonómico dedica este ano case 6,5 millóns de euros a estas accións por parte dos concellos "co obxectivo de seguir avanzando na consecución dunha sociedade igualitaria e dar continuidade a todos estes programas que, dende o ano 2015, axudaron a máis de 50.000 mulleres e 17.500 familias grazas a un investimento de 30 millóns de euros", segundo detallou López Abella.
A Secretaría Xeral da Igualdade distribúe estas achegas en catro programas consistentes no sostemento dos Centros de Información á Muller, a promoción da igualdade, as iniciativas de prevención e eliminación da violencia de xénero e o fomento da conciliación.
"Na provincia de Pontevedra axudamos ao mantemento de 27 Centros de Información á Muller, moitos dos cales están agrupados entre varios concellos, polo que dámoslle apoio a unha cobertura que chega a case todo o territorio e que conta con 70 profesionais que prestan asesoramento, atención psicolóxica e calquera tipo de axuda ás mulleres", explicou a secretaria xeral, que revelou tamén que o programa de fomento da conciliación esgotou o seu crédito para este exercicio pola elevada cifra de solicitudes presentadas polos concellos, polo que vaise ampliar de xeito inminente esta partida para dar a maior cobertura posible.
En canto ás comarcas de Pontevedra e Caldas, as axudas de Igualdade benefician, no marco destes catro programas, a un total de 16 concellos que recibirán, en conxunto, unhas achegas de 540.000 euros para o desenvolvemento de todas estas iniciativas.