Sanidade, moi pendente da evolución da comarca de Pontevedra e do "problema importante" dos contaxios en mozos
Por Natalia Puga
"Toda a comarca de Pontevedra témola en seguimento porque está a incrementar o número de casos, especialmente os concellos de Pontevedra e Poio". Así o asegurou este sábado o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.
O responsable de Sanidade; o xerente do Sergas, José Flores Arias; a directora xeral de Saúde Pública; Carmen Durán Parrondo; e o subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información, Benigno Rosón Calvo, compareceron este sábado para presentar o novo sistema de vacinación por autocita e aproveitaron para facer balance da evolución da pandemia en Galicia.
En Poio, segundo os datos deste sábado, hai 41 casos activos, sen cambios con respecto ao venres. En Pontevedra, pola súa banda, os casos son 136, tres máis que o día anterior.
Carmen Durán engadiu ás palabras do conselleiro que están "pendentes de Pontevedra para ver se seguen incrementando o número de casos" e que, en función da evolución, o martes tomaranse decisións na reunión do comité clínico de especialistas sanitarios que asesora á Xunta na evolución da pandemia. A decisión tomarase en base á incidencia acumulada e a un total de 14 indicadores.
Comesaña tamén mostrou a súa preocupación pola evolución de Vilagarcía e pola incidencia da pandemia entre a xente nova, xa que se confirmou un "incremento significativo" da incidencia a 14 días nos grupos de idade de 12 a 19 anos e de 19 a 30.
García Comesaña recoñeceu que "probablemente" haberá que revisar as medidas o martes para e "propoñer medidas adaptadas a esta nova situación", pois hai "un problema importante" e a súa situación é "preocupante".
O conselleiro pediu un "esforzo adicional" á xente nova, "mentres non teñamos vacinas" e pediulles "desculpas" por non poder vacinalas antes.
Sanidade considera que o brote derivado das viaxes de estudantes a Mallorca está "controlado". Este sábado hai 184 casos activos e outras entre 400 e 430 persoas en seguimento como contactos estreitos.