Acondicionan a zona verde da estrada PO-308 entre Sanxenxo e A Lanzada
Por Redacción
Os traballos de roza e limpeza na marxe da estrada autonómica PO-308, ao seu paso por Sanxenxo e A Lanzada, comezarán a vindeira semana, segundo informou este domingo a Xunta de Galicia.
Trátase dunhas tarefas de control que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a levar a cabo nas marxes das estradas das catro provincias coa intención de prever lumes e reforzar a seguridade viaria. Nun principio, as obras comezarán o luns na provincia de Pontevedra e, de xeito progresivo, irán estendéndose ata outras estradas de titularidade da Xunta.
Concretamente, os traballos que desenvolverán no tramo entre Sanxenxo e A Lanzada consistirán no acondicionamento da zona verde do dominio público viario por parte da empresa pública Seaga, que renovou o contrato para os vindeiros 12 meses.
Mediante estas actuacións, para as que a Xunta investiu preto de 1,5 millóns de euros, impulsarán a tala e roza de vexetación de dominio público das estradas autonómica, o que supón supoñen un apoio aos labores de conservación de zonas verdes en sendas peonís e glorietas.
Así mesmo, este contrato posibilitará dar cumprimento ao acordo do Pleno do Parlamento de Galicia do 25 de setembro de 2019, polo que se insta ás administracións públicas a impulsar unha redución progresiva do uso de herbicidas nas marxes das estradas.