Convocada de maneira urxente a mesa de sanidade de Poio
Por Redacción
O Concello de Poio esixirá de novo á Consellería de Sanidade da Xunta que tome as medidas pertinentes para realizar melloras urxentes na dotación de recursos sanitarios no municipio.
En concreto, a Administración local solicita que se cubran ás vacacións e baixas dos facultativos, dotación de persoal , así como a resolución "de xeito inmediato" dos problemas denunciados por usuarios no que á atención do servizo vía telefónica se refire.
O concelleiro de Sanidade Jose Luís Martinez Blanco reclama que a Xunta tome medidas, logo de que se estean a producir situacións como as que a veciñanza ven denunciando como ter que sufrir listas de agarda de 30 días para unha primeira cita telefónica para poder ser atendidos.
Segundo explica Martinez Blanco, en moitos casos, estas persoas optan finalmente por poñerse en contacto co 061 ou co Complexo Hospitalario para poder ser auxiliados.
O Goberno Local alerta da "grave situación do sistema sanitario en Poio", motivada tamén entre outras cuestións, "por non acometer substitucións dos profesionais que se atopan de baixa ou de vacacións". As consecuencias son a masificación das consultas, cupos desbordados, listas de agarda que, en moitos casos, supera os 30 días.
As medidas que se van a levar a cabo dende o Concello van ser: solicitar convocatoria urxente da mesa de Sanidade de Poio e solicitar unha reunión co xerente da Área Sanitaria de Pontevedra para tratar estes temas.