A aplicación para rastrexar un teléfono móbil permite deter un ladrón en Pontevedra
Por Redacción
Unha aplicación de procura que permite rastrexar teléfonos móbiles permitiu esta semana localizar a un ladrón que acababa de furtar dous dispositivos do interior dunha mochila.
Segundo a información facilitada pola Comisaría Provincial, o suposto ladrón é un veciño de Pontevedra de 53 anos de idade con antecedentes policiais e atribúeselle un delito de furto nun establecemento comercial.
Os feitos tiveron lugar na tarde deste martes 13 de xullo. O encargado dun establecemento de Pontevedra chamou á Policía Nacional sobre as 20.15 horas para denunciar que subtraeran dous teléfonos móbiles a un cliente, un seu e outro do seu fillo.
Os teléfonos estaban dentro dunha mochila que o cliente apoiara nunha cadeira mentres esperaba na lavandería. Cando saíu do local e quixo facer uso do móbil, decatouse de que xa non estaba no interior da mochila.
O dono dos teléfonos utilizou a aplicación de procura do teléfono e, con axuda de axentes da Policía Nacional de paisano, localizaron nas inmediacións do establecemento a un individuo que o levaba encima. Fixeron soar o teléfono e tíñao el, pero, cando se decatou da presenza policial, tratou de fuxir do lugar.
O outro teléfono foi localizado á beira duns contedores nas proximidades do banco onde estaba sentado o sospeitoso e el foi identificado e detido.
O denunciante puido recuperar os dous teléfonos.